Friday 19 de April de 2024

Ethel Vázquez avñanzalle á alcaldesa de Santa Comba que a Xunta executará unha senda peonil na estrada autonómica AC-404 entre a Ponte e Santa Catalina


― Trátase do construír un itinerario peonil na marxe dereita desta vía, entre os puntos quilométricos 1+880 e 2+330, atendendo á solicitude realizada polo Concello

― A zona conta con beirarrúas antes e despois do tramo obxecto da actuación, polo que o novo itinerario peonil terá continuidade nos dous sentidos

― O proxecto para a mellora da seguridade viaria e da mobilidade dos veciños do municipio someterase proximamente a información pública a efectos expropiatorios

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo coa alcaldesa de Santa Comba, María Josefa Pose, no que lle trasladou os avances na tramitación para a execución dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, cun investimento da Xunta de arredor de 150.000 euros.

Trátase de executar unha senda peonil pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, de 1,8 metros de ancho e 450 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 1+880 e 2+330, atendendo á solicitude realizada desde o propio Concello.

A zona conta con beirarrúas antes e despois do tramo obxecto da actuación, polo que o novo itinerario peonil terá continuidade nos dous sentidos. No punto quilométrico 2+210 proxéctase un muro de coieira de 8,5 metros de lonxitude para non afectar ao rego das Dornas.

Vázquez Mourelle informou á rexedora que este proxecto para a mellora da seguridade viaria e a da mobilidade dos veciños do municipio está xa redactado.

Avanzou que a Xunta agarda iniciar, o antes posible, a información pública a efectos expropiatorios, un proceso durante o cal os veciños e persoas interesadas poderán trasladar as súas achegas.

Unha vez rematado este procedemento e analizadas as suxestións recibidas procederase á licitación das obras.